#6 | Nuseas mekemekes

A ver mekemekes! Hai días bos e outros non tan bos, e xusto o programa de hoxe é deses días nos que as cousas non saen tan ben como esperamos que saian. Aínda así, aquí vos deixamos con este novo programa do Exército Mekemeke. Sexta batalla e nas trincheiras cada vez hai máis xente con nós, pero xa hai algún roce entre os xenerais. Hoxe Carlos invade as nosas mentes devolvéndonos á infancia grazas ao gran Club Ricky & Rock que fixo o seu fogar na tenda que Alcampo ten en Area Central, centro comercial que está un pouco de capa caída dende que o seu veciño As Cancelas lle roubase case todo o protagonismo. Miguel saíndo un pouco da súa parcela de contidos, fálanos dunha historia moi cinematográfica e curiosa que xurdiu nunha aldea de Entrimo e que ten como actriz principal a unha vaca. Xubi pecha o programa traéndonos un bote de pesetas a conto de que hai pouco rematou o prazo para poder cambialas por euros, finalizando así cuns dos emblemas máis destacados da España do século XX. Coma sempre obrigados por escoitarnos e teñades moi boa semana mekemekes!
Back to Top